Atrás | PDF |
(Doble click en palabra abre diccionario)

A galiña azul

Obra: A galiña azul

Autor: Carlos Casares

Tipo de texto: Narrativo


Estes días anda o pobo un pouco alborotado. Acórdaste dun rapaz que se chama Lorenzo e que andaba sempre na compaña dun can pequeniño de rabo zuro? Pois Lorenzo ten unha galiña azul con cinco plumas vermellas na á dereita.

Y unha galiña moi bonita e moi rara. Pon ovos de colores. Xa puxo dous marelos, un rosa e tres verdemar. Ademais non di cacaracá como as outras galiñas, senón que di cocorocó. E isto ten preocupadas as autoridades.

Tan preocupadas as ten que hai catro días chegoulle un oficio a Lorenzo pedíndolle que entregase a galiña polas boas. Lorenzo negouse, porque aínda que lle din que só é para que a vexa un veterinario, o certo é que, segundo dixo o señor Casimiro, o porteiro do Concello, a galiña vana matar.

O alcalde, Manolito Listón, dixo nunhas declaracións que fixo para a televisión e para os xornais, que non se podía tolerar a existencia dunha galiña azul, porque, segundo Manolito Listón, unha galiña azul que pon ovos de colores e que di cocorocó en vez de cacaracá no é unha galiña como é debido.

O caso é que o pobo anda todo alborotado e o pobre Lorenzo non levanta cabeza.

Antes paseaba todo contento coa súa galiña pola rúa, pero agora está na casa e algúns din que a galiña a ten disfrazada de branco para que non lla coñezan. Pero de certo, pouco se sabe.

Eu non sei que vai pasar, porque os veciños están de parte de Lorenzo e da galiña. Non teñas pena, que xa che contarei en que queda isto.

Lorenzo encárgame que che dea lembranzas del e da súa galiña azul...

...Sabes que se arranxou o asunto da galiña azul de Lorenzo?

Verás. O día aquel que che escribín contándoche todo, resulta que a iso das cinco da tarde chegaron os gardas a buscar a galiña azul, de parte de Manolito Listón. Ía moito sol e podía ser un día ben ledo se non fose pola pena que tiñamos todos.

A xente congregouse diante da casa de Lorenzo. Habería para aí máis de mil persoas. Eu tamén fun.

A que non adiviñas o que pasou? Pois o día anterior alguén discorreu que a mellor maneira de arranxar as cousas sería tinguir de azul todas as galiñas do lugar, pintándolles de vermello cinco plumas da á dereita e despois soltalas arredor da galiña azul de Lorenzo. como nós non temos galiñas na casa, eu fun mercar unha á feira de Allariz e tinguina de azul tamén.

Cando chegaron os gardas, atoparon tanta galiña igual que non sabían cal era a de Lorenzo.

Só houbo un pequeno despiste. Foi cousa de Leoncio, que se trabucou e apareceu cunha galiña pintada de vermello. Cando lla viron os gardas, queríanlla matar. Se o vises escapar coa súa galiña debaixo do brazo e berrando: "Para gustos fixéronse colores!".

Agora o Manolito Listón di que cando chova todo se vai arranxar, que as galiñas han perder o tinte e que entón, xa veremos... Pero polo de agora vai moita calor e temos o verán enteiro por diante.

De momento, Lorenzo anda amestrando a galiña para que, ao menos en público, aprenda a dicir cacaracá en vez de cocorocó.

Claro que a xente do lugar ten un contrasinal para coñecer a verdadeira galiña azul. Xa cho direi cando veñas.

Mañá voume de viaxe. Cando volva, seguireiche contando historias, que por aquí sempre hai algo que contar.