Bullying
Noite e Día
Autor: Pablo Nine Suárez | Tipo de texto: Narrativo | Etapa: Primaria | Lecturas: 1844
Compartido por: Pablo Nine el 2023-10-06
Leer en pantalla | PDF | Favorito

Rosa Castro emigrara a Cuba había varios anos e casara cun home de alí, negro, que, segundo as cartas que enviaba, era con ela moi bo. Os seus pais non tiñan moi claro aquel casamento, pero como vían a súa filla feliz, remataron por afacerse á idea.

Pero ano e medio despois da voda, Rosa escribiulles outra carta; esta vez, dicindo que o seu home a abandonara e que, ademais, estaba agardando un fillo. En principio, Rosa non quixo volver a Galicia, pensando na vergonza que para seus pais suporía iso na súa pequena aldea. Sen embargo, pasados algúns anos, debido aos problemas económicos e tamén á morriña, Rosa decidiu volver.

Traía con ela a súa filla, Celsa, unha nena de once anos, tan negriña coma seu pai. Era unha rapaza preciosa cuns enormes ollos escuros, e tan doce e cariñosa que axiña se gañou o amor dos seus avós.

Pero na vila, a integración de Celsa non sería tan doada. Na escola ninguén quería xogar con ela, sempre estaba soa e, polo camiño, os outros rapaces dicíanlle cousas moi crueis.

-Eh, ti, vai lavar a cara, que a tes coma un chamizo!

-Lisca de aquí, ti non es coma nós!

Un día, no recreo, cando Celsa estaba sentada nas escaleiras da escola, achegouse a ela un rapaz loiro, de ollos azuis e cara moi branca. Sentou a carón dela e comezou a falar.

-Ola, chámome Roi! -dixo cun sorriso nos beizos-. Ti es Celsa, ¿non si?

A rapaza non contestou e, sospeitando que as intencións do rapaz non eran boas, ergueuse e marchou de alí.

-Agarda! -exclamou Roi, agarrándoa polo brazo-. Só quero falar contigo. Xa sei que a xente non te trata moi ben, pero se me dás unha oportunidade, eu podería ser o teu amigo.

* * *

Dende aquela, os dous rapaces fixéronse moi amigos. Sempre estaban xuntos; na escola, nos xogos…; e Roi tivo que empezar a aturar tamén os insultos e as burlas de todos, aínda que a el non lle importaba.

-Eh, Roi, e ti de que cor es?

-Mira que distintos son; parecen o día e a noite.

O do día e a noite, quedoulles. Todos os rapaces lles chamaban sempre así. Pero, lonxe de molestarlles, aquela comparanza polo contraste entre a cor das súas peles e cabelos, a Celsa e a Roi facíalles graza.

* * *

Un día, todos os rapaces fixeron unha excursión polos arredores da vila con Don Ricardo, o mestre de Ciencias Naturais. Eran os primeiros días da primavera e, aínda que brilaba timidamente o sol, seguía facendo frío. Preto de alí, había unha xunqueira que bordeaba unha lagoa, na que abundaban as ras e pola que adoitaban ir todos os rapaces na procura de cágados.

Lourenzo e Gustavo, dous rapaces moi botados para adiante, e dos que máis se metían con Celsa e Roi, decidiron pola súa conta e sen permiso do mestre, separarse do grupo. En mala hora! Nun descoido, Lourenzo pisou nunha zona cuberta polo xeo, que quebrou, e fixo que o rapaz se afundira na auga. Aínda que pedía axuda desesperado, o seu amigo só choraba e gritaba o seu nome, pero permanecía completamente inmóbil, incapaz de reaccionar presa do medo.

Roi e Celsa, a quen lles cadrou preto de alí, foron os primeiros en oír os berros de auxilio, e acudiron axiña ao lugar do que procedían.

-Dáme unha man, Lourenzo! -berrou Roi, moi decidido.

Pero ao intentar achegarse a el, o pé de Roi esvarou e caeu á auga xunto con Lourenzo. Gustavo seguía chorando, pero sen facer absolutamente nada máis.

-Démonos présa, Lourenzo non resiste máis!-exclamou Celsa, para que reaccionara.

A rapaza, pensando a gran velocidade, virou a cabeza en busca de algo con que aferrar os dous rapaces. Axiña, rachou unha póla dunha árbore, longa dabondo, para poder agarralos sen perigo de achegarse de máis á lagoa.

-Sácao primeiro a el, Celsa! -exclamaou Roi, xa fatigado polo esforzo que representaba manterse a flote naquela auga xeada. Non poderá resistir moito máis!

Celsa así o fixo. Achegou a póla a Lourenzo e o rapaz coa axuda de Roi e as poucas forzas que aínda lle quedaban, agarrouse a ela mentres Celsa tiraba facendo grandes esforzos.

-Ti…, pailán…, axu…, axuda a Cel…!

A frase que Roi lle adicou a Gustavo, quedou interrompida, xa que se afundía definitivamente, aterido de frío e absolutamente esgotado.

Celsa conseguiu sacar a Lourenzo, pero cando mirou de novo a Roi, xa non o viu. Para aquela, o mestre e os demais rapaces xa chegaban onda eles. Don Ricardo, sen tempo para reaccionar, non foi quen de deter a Celsa que xa se lanzara á auga para sacar a Roi. Os segundos que pasaron pareceron horas. O mestre intentou meter a póla na auga para axudalos a saír, pero era inútil. Algúns choraban, outros rezaban; e Lourenzo e Gustavo mesturaban o sentimento de pánico co de culpabilidade.

Cando todo parecía perdido, de súpeto, a negra cara de Celsa apareceu ante eles para coller aire. Apenas podía respirar, pero traía enganchado con ambas mans a Roi, que xa estaba insconsciente. Agora si, todos axudaron e, cun esforzo conxunto, sacaron os dous rapaces da auga. Celsa repúxose, pero Roi non reaccionaba. Mentres tanto, o mestre desfacíase en intentos de devolverlle a respiración.

Por fin, Roi empezou a tusir e a botar auga pola boca. Cando finalmente puido falar, dirixiuse ó mestre.

-E…Celsa? -preguntou con dificultade-. Está ben…Celsa?

A valerosa rapaza achegouse a el, con aquel amplo sorriso branco que contrastaba coa escura cor da súa pel. O rapaz respirou tranquilo. Ambos os dous, collidos da man e sen folgos para máis, pronunciaron unicamente cadansúa palabra:

-Noite…!

-Día…!

Polas mentes de todos pasou unha mesma idea: que sería do Día sen a Noite, e da Noite sen o Día?



¿Recomendarías su lectura en el aula? Por favor, valora del 1 al 10 este texto.

Valoración: 8.6/10 (22 votos)


Consultas y sugerencias en sergioabad@gmail.com o en Twitter: @sabad
Conoce también mis otros recursos didácticos: El generador de fichas para imprimir, Dicta2.0 y Goodrae

Licencia Creative Commons